Tuesday 14 de May de 2024

Feijóo pide un gran pacto pola Sanidade Pública en España, que salvagarde a súa calidade, ofreza novas prestacións e preserve a súa viabilidade e igualdade en todo o territorio


Subliña que os retos que está a abordar Galicia non pode afrontalos en moitos casos en exclusiva, polo que deben ser tratados a nivel nacional

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo un chamamento a impulsar un gran pacto pola sanidade pública en España, coa fin de que este salvagarde a súa calidade, ofreza novas prestacións e preserve a súa viabilidade e igualdade en todo o territorio.

Durante o acto central do XII Encontro Médico do Colexio de Médicos da Provincia da Coruña, celebrado en Palexco, Feijóo expresou que a Sanidade Pública da que Galicia se sinte “tremendamente orgullosa” ten marxe de mellora. Por este motivo, a Xunta e os profesionais colaboradores están a abordar unha serie de retos complexos, como dar resposta ao aumento de pacientes crónicos; a prestación de servizos nun rural cada vez máis despoboado; a revisión da organización da Atención Primaria; o desenvolvemento dunha medicina de precisión e personalizada; ou a ampliación da atención domiciliaria.

Estes son retos que, valorou, en moitos casos Galicia non pode afrontar en exclusiva, polo que deben ser tratados a nivel nacional. Por iso, o presidente da Xunta quixo poñer catro exemplos para entender “a importancia de que o debate do Sistema Nacional de Saúde se afronte dunha forma conxunta” valorou.

O primeiro dos exemplos que puxo, e paraugas de todo o demais, foi que “sen financiamento non haberá Sanidade Pública”. “Non deberíamos aparcar a reforma do financiamento, tendo en conta que a sanidade é a peza fundamental deste para, a partir de aí, construír todo o demais”, remarcou.

O segundo dos exemplos baseouse en que, malia o incremento de efectivos que se rexistra en Galicia, hai un déficit de profesionais sanitarios que só o Goberno central pode resolver. Sobre isto citou como urxente que as convocatorias de formación e, consecuentemente, as ofertas de emprego público posteriores poidan ser coherentes coas necesidades que hai en determinadas especialidades.

Para o terceiro dos exemplos, Feijóo recordou que recentemente o Goberno central atendeu a solicitude do Goberno vasco de transferir as competencias para poder homologar as titulacións de profesionais sanitarios estranxeiros. Unha medida que, dixo, pode dar solución parcial nesa comunidade a unha das trabas que máis complican a falta de médicos, pois o Estado tarda unha media de dous anos en validar estes títulos obtidos fóra da Unión Europea. “A pregunta é: ¿por que País Vasco, si, e Galicia e o resto das Comunidades Autónomas, non? ¿Ten sentido que haxa comunidades que teñan máis sinxelo contratar médicos que outras? Parece claro que non”, abundou.

Mentres, co último exemplo fixo mención aos desafíos futuros que convén analizar ao ser beneficiosos para o sistema e para o conxunto da sociedade. En concreto, como un deses temas a abordar, aludiu á elevada demanda de reprodución asistida na actualidade. Sobre isto, mencionou a posibilidade de que a Sanidade Pública poida financiar a conxelación de óvulos das mulleres cando son máis novas –é dicir, cando son máis fértiles-, para que cando decidan ser madres o consigan máis facilmente.

“Son só catro exemplos, pero creo que demostran con gran claridade por que é tan preciso un gran pacto político en España pola Sanidade Pública, que nos permita salvagardar a calidade, garantir a súa igualdade en todo o territorio, ofrecer novas prestacións e, por suposto, preservar a súa viabilidade para o futuro”, subliñou, e insistiu en que a Xunta “vai intentar facer o seu traballo e vai persistir en que mentres exista o Ministerio de Sanidade este cumpra as súas competencias”.

Durante o acto, ao que tamén asistiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o doutor Alfonso Solar Boga foi galardoado coa Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio. Un profesional ao que Feijóo puxo como referente: “Galicia, como o resto de España, precisa de moitos Alfonsos Solar que levanten a bandeira do orgullo sanitario para, a partir de aí, seguir sendo inconformistas e poder continuar coa súa mellora”.

Diante dos facultativos da provincia da Coruña, o titular do Goberno galego tamén citou como exemplo en Galicia a modernización completa das infraestruturas sanitarias ou as novas prestacións –tratamentos, vías rápidas para enfermidades oncolóxicas ou máis vacinas para os nenos-. Así mesmo, mencionou os máximos históricos en intervencións cirúrxicas, consultas e transplantes; a redución a mínimos históricos dos tempos de espera; e o aumento de profesionais -2.300 máis que hai unha década- e da recuperación do seu poder adquisitivo afectado pola crise.

“A deliberación sobre o hoxe e o mañá da Sanidade Pública debe facerse a nivel autonómico, pero tamén, e creo que en primeiro lugar, é imprescindible que se faga a nivel nacional. Un debate en termos xustos, proporcionados e realistas, tendo que conta que os grandes avances sempre se produciron tras reflexións construtivas, de persoas que saben moldear a realidade con coidado, evitando as facturas e buscando a síntese e a viabilidade das decisións”, remarcou o presidente da Xunta.